Tuesday 19 de March de 2024

A Xunta Local da Laracha da AECC presenta ao alcalde a iniciativa Lazos Humanos Solidarios


O Concello colabora e anima a participar a toda a cidadanía.

Con motivo da celebración o 4 de febreiro do Día Mundial Contra o Cancro, a Asociación Española Contra o Cancro (AECC) impulsa en varias localidades da provincia da Coruña a iniciativa Lazos humanos solidarios por medio da que promoverá a prevención e a investigación desta enfermidade.

A Xunta Local da Laracha da AECC será a encargada de organizar o evento no noso termo municipal coa colaboración do Concello. Aquelas persoas que desexen participar están convidadas a asistir o sábado ás 12:00 horas na Praza do Concello para formar parte do lazo humano solidario larachés.
Hoxe a presidente da Xunta Local da Laracha da AECC, Maica Posse, acompañada por Rocío López e Belén Cabeza, membros da directiva da entidade, presentaron a iniciativa ao alcalde, José Manuel López Varela, animando a formar parte dela a toda a veciñanza do concello.

Lazos humanos solidarios inclúese na programación deste ano da AECC que, baixo o lema Todos contra o cancro pretende actuar nos ámbitos da prevención, diagnose e investigación para lograr o desafío dunha supervivencia do 70 % en cancro. A entidade tamén lembra que pon a disposición de todas as persoas que están a pasar por esa enfermidade os seus programas gratuítos de atención psicolóxica, atención social, logopedia, fisioterapia, nutrición, acompañamento e voluntariado. Pódese contactar chamando ao teléfono gratuíto 900 100 036.